DICIMOS 28, E EMOCIONÁMONOS (XXVIII SEMANA DE CINE DE LUGO) Nacemos case canda a Constitución, antes ca o Estatuto, cando moitos dos nosos espectadores estaban aínda no Reino dos Soños dos que ían ser seus pais. Dígoo así, de xeito colectivo, porque a Semana de Cine de Lugo somos todos os que formamos parte dela: os que a organizamos, os que a patrocinamos, os que a gozamos… Somos milleiros (somos Lugo), e colectivamente temos unha forza incrible, unha devoción sen límites, unha ilusión inconmensurable. E como cremos que os números non son algo frío senón que teñen detrás a vida que marcan e que os marca, dicimos 28 e emocionámonos. Todos. Dicimos 28 e aledámonos. Todos. Dicimos 28 e orgullecémonos. Todos. De todos para todos, grazas. De organizadores a patrocinadores; de patrocinadores a público; de público a cine. Desde Fonmiñá, desde o Cine, desde Lugo, grazas e noraboa a todos… e ¡que comece o espectáculo!. Porque, como di a canción, “Cando chegue setembro, todo será marabilloso”. Xulio Xiz, Presidente de Fonmiñá. |
